Noticias
Blog
O PP de Ourense destaca o "Día das Letras Galegas" como unha data onde a cultura afonda na identidade do noso pobo
Ourense 17 de maio de 2012.- O Partido Popular de Ourense quere facer público hoxe, no Día das Letras Galegas, o seu apoio a cantas iniciativas culturais e sociais están a realizarse na provincia de Ourense e en toda Galicia, "porque esta data tan sinalada para a nosa cultura afonda na identidade do noso pobo e contribúe a preservar a singularidade cultural e social que ten a nosa Galicia".
Este ano, no que precisamente se cumpre o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, ten especial relevancia a mensaxe social e "a pé de rúa" que os nosos poetas, literatos e intelectuais en xeral transmitiron coa súa obra especialmente dirixida para dar conta da realidade máis achegada aos cidadáns, como fixo no seu tempo Celso Emilio. Xunto con el os Blanco Amor, Otero Pedrayo, Cuevillas, Risco, toda a Xeración Nós, e mesmo antes Curros Enríquez ou Castor Elices, e ata datas máis recentes Antón Tovar, Valente, as irmás Pura e Dora Vázquez, todos eles e moitos máis foron quen de deixar unha herdanza de raigame cultural e etnográfica, que agora, cada ano que se celebra o Día das Letras Galegas fai que esta lembranza sexa unha verdadeira festa de homenaxe á palabra e á libertade de expresión da nosa cultura.
Por elo, o Partido Popular de Ourense quere transmitir o seu apoio a todos os eventos que nun día como o de hoxe se celebran na nosa provincia a prol da cultura e das tradicións da nosa terra, entre os que destacan a celebración da Romaría Etnográfica Raigame, declarada este ano Festa de Interese Turístico Galego, e o acto de lectura de poemas en galego organizado pola Asociación de Libreiros de Ourense, na rúa do Paseo, que esta mañá contou coa participación do presidente da Deputación provincial e do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar.










